The Phone House venderá o Motorola Xoom en España

mércores, 6 de abril do 2011 Marcus Fernández

Google comezou o ano prometendo que con Android 3.0 ía abrir a porta á competencia no sector dos tablets, dominado practicamente en exclusiva por Apple, sendo o dispositivo insignia desta evolución de Android para tablets o Motorola Xoom, pero o trebello faise de rogar, e xa co iPad 2 nas tendas é imposible ver ningún tablet con Android 3.0, o que vai mudar este mesmo mes, xa que The Phone House incorporou ao seu catálogo mensual (e abriu as reservas na súa páxina web) o agardado produto, que inicialmente venderase en exclusiva a través desta cadea de tendas de telefonía móbil a un prezo de 579 euros, existindo a posibilidade de conseguir descontos no dispositivo de contratar tarifas de datos co mesmo (pese a que estamos ante unha versión só con Wi-Fi).
O xeito máis económico de adquirir o Motorola Xoom sería cunha tarifa de datos de Yoigo, de xeiot que tería un prezo de 329 ou 399 euros, mentres que con Orange o prezo sería de 379 euros. Curiosamente con Vodafone a rebaixa sería de só 30 euros ao contratar unha tarifa de internet Contigo.
O Motorola Xoom ten unha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, tecnoloxía nVIDIA Tegra 2, 32 Gb de capacidade, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, un peso de 730 gramos e unha batería de 6.860 mAh, polo que estariamos ante un dispositivo de referencia para o Android 3.0, aínda que The Phone House tamén venderá en breve outro dispositivo semellante, o Acer Iconia A500, que custará 100 euros menos, o que notarase principalmente na súa autonomía (inclúe unha batería de 3.260 mAh).
Pero a chegada a España do Motorola Xoom parece que vai ser bastante discreta se atendemos á súa tímida acollida nos EE.UU., estimando o Deutsche Bank que só conseguiron colocar 100.000 unidades, mentres que o iPad vendeu 300.000 unidades na súa primeira fin de semana. Aínda é moi prematuro sacar conclusións, principalmente porque Android 3.0 está a chegar ao mercado con moi poucas aplicacións adaptadas ás súas posibilidades, e deberemos agardar uns meses para ver o seu potencial.

Prezos do Motorola Xoom anunciados por The Phone House

PUBLICIDADE