The Waylanders verá a luz o 2 de febreiro

xoves, 20 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

O vindeiro 2 de febreiro o xogo de rol The Waylanders, desenvolvido polo Estudio Gato Salvaje na Coruña, sairá do Acceso Anticipado, de xeito que os que adquiriron o título con antelación poderán descargar o contido completo do produto final que venderase en Steam e GOG a un prezo de 39,99 euros, polo que os interesados en facerse con esta produción galega poden aforrar 5 euros se optan por facerse agora con ela.
Os xogadores que se fixeron con este título en Acceso Anticipado puideron gozar xa da época celta desta aventura fantástica, e unha vez lanzado o produto final poderán dar un salto temporal até a época medieval, podendo así contemplar os cambios na terra, o alzamento de novas faccións e tamén personaxes reencarnados e compañeiros transformados, detalle que é en boa medida o sinal da identidade de The Waylanders.
Tras este salto temporal será preciso recompoñer o equipo de heroes que continuará a aventura, pero con cambios significativos, como o druída Amergin, que experimentou o paso dos séculos en persoa grazas á maxia que progresivamente foi desaparecendo da terra. Tamén experimentou o longo paso dos séculos a inmortal vidente moure Nazhedja, que vai perdendo a súa mocidade en función do fluxo de maxia da terra.
Nas vindeiras semanas Gato Salvaje irá dando máis detalles do seu meirande lanzamento, que aínda que vexa a luz en menos de dúas semanas, aínda vai precisar de moito esforzo por parte dos seus desenvolvedores para corrixir fallos que se atopen, reaccionar á resposta da comunidade de xogadores e, en definitiva, pulir o xogo para ofrecer unha boa experiencia.

JPEG - 125.5 KB
O xogo leva bastantes meses en acceso anticipado, pero en poucos días iniciará a súa nova xeira como produto final

PUBLICIDADE