The Witcher 2 estrea versión para Xbox 360

martes, 17 de abril do 2012 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas o videoxogo The Witcher 2: Assassins of Kings do estudo polaco CD Projekt RED nunha Enhanced Edition, de xeito que os usuarios de PC poderán facerse con este excelente título cos contidos adicionais que foron chegando dende o seu lanzamento o pasado mes de novembro (que son de balde para os que xa adquirisen o xogo anteriormente e que suman unhas 4 horas de misións), mentres que os que teñan unha Xbox 360 poderán gozar deste título por primeira vez, destacando por aproveitar ao máximo os gráficos da consola de Microsoft, colocándose, a nivel técnico, como un dos mellores xogos para esta plataforma.
Este xogo de rol de fantasía épica xa recibiu numerosos premios nos últimos meses, e co lanzamento da versión para Xbox 360 supón a estrea de CD Projekt RED no mundo das consolas de videoxogos, o que permitiralles ampliar extraordinariamente o seu público obxectivo.
The Witcher 2 ofrece unha historia madura narrada dun xeito realista e non lineal, na que as decisións dos xogadores poden supor diferentes consecuencias, factor que non fixo deixar de lado o seu sistema de combate, que combina con acerto a acción dinámica e a profundidade táctica.


Trailer de lanzamento da versión de Xbox 360 de The Witcher 2

The Witcher 2 é un xogo de rol profundo que, grazas ao motor gráfico REDengine, convértese nun dos mellores xogos para Xbox 360

PUBLICIDADE