The Witcher 3 para Switch permite continuar partidas gardadas en PC

mércores, 19 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Un éxito inesperado na Nintendo Switch foi o de conversións de xogos que eran un éxito en ordenadores persoais e que normalmente precisaban de moitas horas diante da pantalla, pero que curiosamente hai quen considerou que a Switch era unha máquina ideal para poder trasladar esta experiencia (fronte a idea de que as consolas orientadas á portabilidade son mellores para as partidas rápidas).
Entre estes títulos figura The Witcher 3: Wild Hunt, que vén de publicar a súa actualización 3.6 na consola de Nintendo incorporando unha prestación que agradecerán moitos usuarios: a posibilidade de integrar ficheiros de gardado de Steam e GOG, ou sexa, que os xogadores poderán continuar en Nintendo Switch partidas de PC.
A actualización 3.6 de The Witcher 3: Wild Hunt tamén inclúe soporte para control táctil, textos en máis idiomas, novas opcións gráficas, optimizacións de desempeño e corrección de erros.

PUBLICIDADE