Threads chegará a Europa o 14 de decembro

xoves, 7 de decembro do 2023 Marcus Fernández

A plataforma social de Meta baseada en texto que pretende en boa medida servir de alternativa a Twitter, Threads, está a madurar a grande velocidade para conseguir ofrecer o que buscan os usuarios desencantados con X, á vez que queren aproveitar que é unha plataforma creada dende cero para que os seus alicerces faciliten a consolidación de espazos máis seguros, fuxindo da toxicidade e a desinformación que padece o servizo en liña de Elon Musk actualmente.
É por iso que certas funcións están a chegar con moita cautela, sendo o último en presentarse as etiquetas temáticas, que poden verse como alternativa aos cancelos, e aínda que se presentan cun botón coa icona dun cancelo (#), no texto das publicacións non aparece tal grafía, senón que o texto destacado como etiqueta figura como ligazón, facilitando así a exploración da temática sobre a que se está a conversar.
Canda publicación en Threads só pode ter unha etiqueta temática polo momento, xa que dende Meta queren probar se así son quen de evitar certas prácticas que vemos noutras plataformas nas que se abusa das etiquetas como xeito de amplificar a difusión das mensaxes.
Temos así que as etiquetas de Threads, aínda que teñan un comportamento semellante aos cancelos, preséntanse dun xeito moi diferente, xa que incluso permite espazos e caracteres especiais, o que permite unha maior lexibilidade das temáticas.
Esta agardada funcionalidade está a chegar nun momento moi importante para Threads, xa que agora que permite borrar as contas nesta plataforma sen afectar ás contas de Instagram, están preparados para o seu lanzamento europeo e, de feito, na súa versión web se nos conectamos dende Europa podemos ver unha conta atrás que remataría o vindeiro 14 de decembro (aínda que, como aconteceu co lanzamento nos EE.UU., non sería de sorprender que fose posible conectar coa plataforma dende Europa unhas horas antes do remate da conta atrás).

Capturas nas que podemos ver como se comportarían as etiquetas temáticas en Threads