TikTok podería competir con Twitch

venres, 17 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que temos a impresión de que nos últimos meses son outras as plataformas que están a imitar os pasos de TikTok, a plataforma social de ByteDance tamén quere copiar os éxitos alleos, e está a probar TikTok Live Studio, unha aplicación para Windows que permite realizar directos a través de TikTok, para competir así con Twitch.
Falamos dunha experiencia piloto aberta polo momento a uns poucos usuarios, a través da que os creadores poden realizar retransmisións en directo e comunicarse cos espectadores a través do chat, e polo momento están a analizar como os creadores están a tirar proveito desta ferramenta, para ver se rematan implantándoa como un produto aberto a todos os usuarios.
Aínda que TikTok Live Studio aínda non conta con tantas funcionalidades como Twitch, xa integra ferramentas de monetización, deixando programar eventos, aceptar propinas, realizar sesións de preguntas e respostas, realizar directos con outros usuarios, filtrar palabras chave, asignar moderadores... Ou sexa, que están a facer probas bastante avanzadas e, de prosperar este programa, entenderemos que TikTok non se conforma co seu dominio no vídeo vertical móbil, e quere coller un petisco doutros mercados asociados ao vídeo en liña.

PUBLICIDADE