Tim Redford dirixirá a nova edición de Curtocircuíto, que este ano inclúe novidades para os nenos e os creadores galegos

mércores, 7 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Esta semana foi presentada en Compostela a nova edición do Festival Internacional de Curtametraxes Cortocircuíto, que este ano 2007 conta coa presenza de Tim Redford en tarefas de director. O miolo do certame, que está deseñado pola Film Commision como un xeito de proxectar no mundo á cidade e ós artistas que conflúen nela a través do audiovisual, desenvolverase os oito vindeiros meses nos teatros e nas rúas e prazas de Compostela a través dunha serie de continuas presentacións de pezas de temática e procedencia diversas. Mamen Quintas e Tim Redford, directora de produción e director do Festival (respectivamente), presentaron aqueles elementos do programa que seguen adiante coma en anteriores edicións (Compostela Curtocircuito, Compostela Plató, Anacos, Non te curtes, Curtocircuito na Rúa, Obradoiros e Mercado Internacional de Curtametraxes) e tamén as novidades desta nova convocatoria. Entre estas, cómpre salientar as seguintes:
· Cine para nenos. Celebrarase durante as datas da semana oficial do festival, do 16 ó 20 de outubro. O obxectivo deste capítulo do programa é achegar ós máis cativos “á cultura do celuloide en formato de curtametraxe”.
· Premio á Mellor Curtametraxe Galega, que vén a sumarse a listaxe de premios da Sección Oficial Compostela Curtocircuito, o concurso de curtas.
Entre as novidades para este ano tamén podemos salientar a fichaxe de Tim Redford, que xa ten unha longa experiencia na organización de certames no eido internacional, como por exemplo no Signals Media, Colchester, no Reino Unido ou no Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand ou no Festival Internacional de Curtametraxes de Bristol.
O Festival, a semana oficial
A edición 2007 deste certame será un festival de oito meses, que culminará na terceira semana de outubro, entre os días 16 e 20, coa celebración da Semana Oficial, que inclúe os obradoiros, o concurso-obradoiro Non te Curtes, e o Mercado Internacional. Asemade, entregaranse os cinco premios de Compostela Curtocircuito e o Premio do Público á curta máis votada en Curtocircuito na rúa; a entrega celebrarase ó longo da gala dos premios, o sábado día 20 de outubro.

PUBLICIDADE