Titanfall 2 sae á venda para PC, Xbox One e PS4

venres, 28 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Cando Respawn Entertainment lanzou Titanfall para Xbox One e PC, deixou fóra aos usuarios de PlayStation 4 dun magnífico xogo de acción futurista que mesturaba acción protagonizada por un soldado con habilidades acrobáticas que lembran ao parkour e momentos épicos nos que podíase tomar o control dun titán (vehículo antropomórfico que poderiamos describir como un mecha) conseguindo innovar no mundo dos shooters en primeira persoa. Pero agora que este título orientado ao multi-xogador estrea secuela, ábrese a todas as plataformas de alta definición actual, de xeito que a partires de hoxe podemos mercar Titanfall 2 para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Origin) a prezos que parten dos 59,99 euros para PC e dos 69,99 euros para consola.
A nova entrega de Titanfall conta cunha nova e innovadora campaña para un xogador, que facilitará que os novos xogadores collan experiencia para así poder gozar logo do seu completo multi-xogador (de até 16 xogadores) que promete ser un dos máis concorridos nos vindeiros meses a tenor do éxito que tivo o xogo anterior. En Titanfall 2 tamén haberá unha maior diversidade de titáns e pilotos, armas máis letais e avanzados sistemas de personalización e progreso, que conforman unha superprodución que conseguiu diferenciarse doutros shooters con mecánicas innovadoras, movementos de auténtica vertixe e un ton que convida a divertirse gozando da acción.
Cómpre detallar que a versión para PC ten uns requisitos técnicos bastante asumibles (funcionaría en equipos cun procesador Intel Core i3-3600t, 8 GB de RAM e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 660 con 2 GB de memoria) aínda que o realmente impresionante sería contar cun equipo de elevadas prestacións (procesador Intel Core i7-6700k, 16 GB de RAM e gráfica nVIDIA GeForce GTX 1080 con 8 GB de memoria) para poder gozar de gráficos de ultra alta definición a 60 fotogramas por segundo estables, ou sexa, unha experiencia cun nivel de detalle impresionante.

Tráiler de lanzamento de Titanfall 2

PUBLICIDADE