Titanfall</Em> sairá á venda o 13 de marzo

martes, 22 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Electronic Arts anunciou hoxe que o agardado xogo de debut do estudo independente de videoxogos Respawn Entertainment (formado polos máximos responsables da creación de Call of Duty: Modern Warfare) chegará a Europa nas súas versións para Xbox One, Xbox 360 e PC o vindeiro 13 de marzo, converténdose nun dos principais reclamos para a compra da nova consola de Microsoft.
Pese a non estar aínda á venda, Titanfall recibiu xa máis de 80 premios da crítica internacional, deixando claro que este xogo de acción en primeira persoa, que permite manexar tanto a futuristas soldados de elite como a Titáns robotizados de máis de 7 metros de altura, vai ser un dos xogos máis destacables de todo o ano que vén, sendo un dos títulos que marcará o camiño que percorrerá a nova xeración de consolas de videoxogos.
Dende que se presentou este xogo o pasado mes de xuño é moita a expectación que causa, e atendendo á súa previsible boa acollida anuncian que vai contar cunha impresionante edición para coleccionistas que custará 249,99 dólares e incluirá, aparte do xogo, unha figura dun Titán de 46 centímetros de alto (xunto con outras figuras de soldados para axudar a reflectir unha secuencia do xogo), un libro de ilustracións de 190 páxinas, e un cartel co Titán Atlas.

A edición para coleccionistas do xogo incluirá unha figura de 46 centímetros de altura


Trailer con imaxes do xogo

PUBLICIDADE