Todo listo para o comezo do Scratch Day, este sábado 9 na Cidade da Cultura

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

Imaxe de arquivo do Scratch Day do CPETIG e de AMTEGA

O CPETIG e a axencia AMTEGA organizan esta fin de semana a sexta edición do Scratch Day, unha xornada de divulgación e traballo colaborativo que achegará aos escolares galegos á linguaxe de programación a través de scape rooms e do Camiño de Santiago. A cita será este sábado 9 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia. Trátase dunha xornada de iniciación orientada a estudantes de 6 a 16 anos, pais e nais e profesorado. A firma robótica educativa Rockbotic Galicia será a encargada de impartir os contidos.
O programa ScratchDay organízase no marco do convenio de colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) da Xunta de Galicia e regresa coa súa sexta edición.
Esta actuación tamén forman parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola axencia autonómica para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.
Na nova entrega mantense o obxectivo de achegar a programación informática a idades temperás sen necesidade de ter coñecementos previos e coa novidade de apostar de chego polos formatos de scape room e pola temática do Camiño de Santiago (coincidindo coa celebración do Xacobeo 2021-2022).
A Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar 1) será o escenario que acolla esta xornada que a organización cualifica de “intensa e atractiva” e que está programada para o vindeiro 9 de outubro. Está concibida para tres grandes públicos obxectivos: os alumnos e alumnas de 6 a 16 anos dos centros escolares de Galicia, os seus pais e nais e tamén o profesorado ou os responsábeis dos centros que estean interesados en introducir a ferramenta de programación Scratch na docencia. Os dous primeiros grupos traballarán en conxunto, dado que un dos obxectivos desta iniciativa é precisamente o de implicar ao núcleo familiar no descubrimento e o traballo colaborativo “nun entorno amigábel e que non precisa de coñecemento profundo de linguaxe de programación”, explican o CPETIG e AMTEGA, engadindo que o obradoiro para o profesorado desenvolverase en paralelo na mesma data e lugar e será específico para presentar as vantaxes e potencialidades que implica o traballo con este tipo de tecnoloxía entre os máis pequenos.
Novamente a entidade encargada de impartir os contidos será a empresa especializada en robótica educativa, Rockbotic Galicia, que xa conta cunha dilatada traxectoria na que participaron centos de escolares de distintos centros de Galicia de diferentes idades.
O período de inscrición para o VI ScratchDay xa está habilitado e para formalizar a participación no evento é preciso rexistrase a través de scratchday.cpetig.gal.

PUBLICIDADE