TokApp consolida en 43 cidades a súa aplicación de mensaxería instantánea para o ámbito docente

mércores, 15 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

A empresa viguesa TokApp, da que falamos en Código Cero para dar conta da súa ferramenta global de comunicación empresarial, está a consolidar en case medio cento de cidades un novo (e innovador) recurso para emendar atrancos no fluxo de coñecemento e información entre centros educativos, comunidades de docentes, de pais e de alumnos. A ferramenta en cuestión chámase TokApp School e é unha aplicación destinada tamén a evitar calquera tipo de incidencia comunicativa, ao tempo que achega rapidez e eficacia no intercambio de datos, contidos, mensaxes. Ten feitura de plataforma de mensaxería instantánea sen límites.
Segundo nos contan os seus creadores, a súa orixe está na constatación de que actualmente non hai moitos recursos específicos (por non dicir ningún), no panorama tecnolóxico-educativo, que lles asegure aos escolares un método fiábel e eficiente para facer cousas como avisar aos seus pais de actividades relevantes do centro ou de entregar unha circular. Ou ben para que os centros informen aos pais das faltas de asistencia dos seus fillos.
A aplicación, que segundo engaden está xa presente en 43 cidades españolas, permite aforrar tempo e material como cartas ou circulares, “que poden extraviarse de camiño a casa”, explican. Ademais, achega a peculiaridade de posibilitar aos usuarios saber en que momento, con data e hora exacta, os destinatarios dunha mensaxe dérona lido.
Segundo conta Javier Romero, fundador de TokApp, a aplicación ten ás súas costas “máis de dous anos de desenvolvemento e investimento propio”. Agora, engade, é a quenda de seguir traballando para levar a iniciativa a novas cidades e seguir medrando nas que “xa estamos presente”. Ao longo de 2015, o obxectivo é chegar a máis de dous centos de cidades do ámbito estatal.
Salvagarda de información
Amais do devandito, os creadores de TokApp School non queren deixar de salientar a capacidade da súa aplicación, “a diferenza do que acontece con outras apps de mensaxería instantánea”, para preservar os datos persoais tanto de pais e alumnos como dos docentes, polo que non é preciso revelar o número de teléfono para rexistrarse, nin se visualizará durante as mensaxes. Así, as respostas que se envíen a unha notificación soamente poderán ser lidas polo emisor desta.
A aplicación, de descarga gratuíta e baixo licenza de uso para o centro educativo, permite enviar calquera tipo de arquivo como fotografías, vídeos ou documentos en formato pdf, amais de programar o seu lanzamento cando se desexe, “unha vantaxe para os profesores”, advirten dende TokApp, que lembran que os docentes poden planear as súas informacións, así como xestionalas desde calquera parte do mundo. Para pais e alumnos, a plataforma inclúe servizos de ofertas do sector educativo, entre eles, librarías, logopedas e academias de ensino.
Sinalar tamén que TokApp School ten a mesma validez legal que un burofax. “A plataforma está avalada por un despacho de avogados que confirma que os servizos prestados son legalmente recoñecidos, cumprindo as normas de seguridade e privacidade para unha correcta comunicación entre os usuarios”, explican os seus creadores.

PUBLICIDADE