Tokio School convértese no partner principal do club de eSports UCAM Tokiers

mércores, 5 de xaneiro do 2022 S. P.

A escola de formación tecnolóxica en liña Tokio New Technology School (Tokio School) e o UCAM Esports Club, veñen de acadar un acordo de colaboración que significa a estrea nos eSports da dita escola de formación con sede na Coruña (a través do grupo galego Campus Training) e Madrid. Froito deste pacto fortalécese o club UCAM Tokiers, entidade de deporte en liña que competirá na Primeira División nacional de Valorant, ademais de na Superliga de League of Legends (LoL), entre outras competicións e variadas disciplinas. O principal partner deste club será precisamente a Tokio School.
Segundo fai saber Leticia García, responsábel de proxectos educativos de Tokio School, “tras máis de tres anos formando a profesionais no sector dos videoxogos, involucrarnos coa rama dos esports ábrenos, a nós e aos nosos alumnos, infinitas posibilidades".
O primeiro partido do equipo de LoL UCAM Tokiers deste 2022 será contra o Vodafone Giants o vindeiro 10 de xaneiro. Será, segundo engade Alberto Yáñez, adestrador xeral de UCAM Tokiers, a “estrea dun equipo cunha proxección fantástica”. Os partidos poderanse seguir a través da canle oficial de Twitch da LVP (Liga de Videoxogos Profesional) e de Movistar +.
Para quen non o saiba, Tokio School é unha iniciativa formativa dende a que se imparten cursos, mestrados e carreiras profesionais especializadas en videoxogos, programación, Intelixencia Artificial, análise de datos e outras áreas de elevado impacto no mundo dixital. Grazas á súa presenza en 7 países, máis de 1.600 alumnos internacionais fórmanse cada ano en Tokio School.

PUBLICIDADE