Tomb Raider Underworld destaca entre os Xogos con Gold de xaneiro

venres, 22 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Xa temos aquí a listaxe de xogos que Microsoft permitirá que os subscritores de Xbox LIVE Gold inclúan na súa colección dixital sen custo adicional durante o mes de xaneiro, e desta volta parece bastante interesante, especialmente no que se refire aos retrocompatibles de Xbox 360, xa que son un par de títulos que no seu día tiveron unha boa acollida. Deste xeito, durante a primeira metade de xaneiro estará dispoñible o xogo de Xbox 360 Tomb Raider Underworld, que foi o derradeiro da saga de Lara Croft antes do seu reboot, mentres que durante a segunda metade do mes o xogo será o divertido Army of Two, que introducía interesantes elementos no que a priori parecería un shooter sen pretensións.
Para Xbox One o xogo que se estreará o 1 de xaneiro será The Incredibles Adventures of Van Helsing III, que non será estrea nos Xogos con Gold, senón unha estrea absoluta na consola de Microsoft; mentres que o xogo de Xbox One que chegará o 16 de xaneiro será Zombi, unha adaptación a Xbox One do ZombiU que tanto éxito tivo en Wii U, e que ofrece unha experiencia de supervivencia nun mundo ateigado de mortos viventes.

Vídeo promocional dos Xogos con Gold do mes de xaneiro

PUBLICIDADE