Triesfera, Libolis e Tastelab mostran en Lugo a vitalidade do emprendemento feminino

luns, 26 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

As mulleres están chamadas a ser as grandes impulsoras do noso tecido innovador e do noso novo emprendemento. Todos os indicadores apuntan cara ao mesmo. Así o entenden tamén o Concello de Lugo (a través da Concellería de Economía que dirixe Ana Prieto) e a Asociación de Mulleres Empresarias, que queren visualizar todo este potencial das nosas emprendedoras na xornada Mesa Talento en Feminino. A cita será este día 30 de novembro, a partir das 10.30 horas, no CEI Nodus.
Participarán como relatoras tres emprendedoras de éxito: Mónica Pérez, fundadora de Triesfera, unha empresa de deseño e impresión en 3D que saíu do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking do Concello; Noemí Bellas, fundadora de Libolis, a primeira escola de emprendemento para nenas e nenos de Galicia (e un dos principais puntais dos obradoiros de tecnoloxías e robótica Crea R); e Maruxa García, xerente e cofundadora de Tastelab, a primeira empresa de tecnoloxía de análise sensorial de España, spin-off do Campus Terra.
Segundo fai saber a Concellería de Economía, a asistencia á Mesa Talento en Feminino é de balde. Conta con 30 prazas e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo chamando ao número de teléfono 982.22.69.91 ou enviando un correo electrónico a empresariaslugo@gmail.com
A concelleira de Economía, que presentou a xornada xunto á presidenta de Mulleres Empresarias, Beatriz Varela, integrantes deste colectivo e unha das relatoras, Mónica Pérez, salientou o “espírito innovador e emprendedor da asociación” e lembrou o importante eido no que traballa, onde conflúen ciencia, innovación, emprendemento, cultura, coñecemento e, por suposto, feminismo: “Hai moitas mulleres con talento que historicamente foron ocultadas pola sociedade, como por exemplo a actriz de cine e inventora Hedy Lamarr, co-autora nada máis e nada menos que da tecnoloxía na que se basea o Wi-Fi moderno”. Segundo fixo saber, mesas como a organizada para este 30 de novembro contribúen a visualizar e tamén son “unha homenaxe a todas aquelas mulleres innovadoras, talentosas que contribuíron e contribúen a que avance a sociedade”.

PUBLICIDADE