Tuenti comercializa o móbil con Android máis económico do mercado

martes, 20 de decembro do 2011 Marcus Fernández

O operador móbil virtual Tu, pertencente á plataforma social Tuenti, comezou a comercializar en España o terminal ZTE Racer II a un prezo de 59 euros para usuarios de prepagamento (precisando dun saldo inicial mínimo de 10 euros), o que fai que esteamos ante o móbil con Android máis económico do mercado, o que pode resultar atractivo para os usuarios que queren iniciarse nos smartphones.
O ZTE Racer II é un terminal cunha pantalla táctil de 2,8 polgadas cunha resolución de 240 x 320 píxeles (moi inferior que a dos móbiles con Android de gama media), procesador Broadcom BCM2157 a 500 MHz, 256 Mb de RAM, 512 Mb de ROM, almacenamento baseado en tarxetas microSD de ata 32 Gb (inclúe unha de 2 Gb), conectividade 3G, USB, GPS, Bluetooth e Wi-Fi, cámara de 3,2 Mpíxeles, radio FM, toma para auriculares estándar, batería de 1.100 mAh, unhas medidas de 104 x 55,4 x 13,5 milímetros e un peso duns 100 gramos. Funciona co sistema operativo Android 2.2.2 e, evidentemente, inclúe a aplicación de Tuenti instalada e está bloqueado para funcionar só coas tarxetas SIM de Tu.

PUBLICIDADE