Turismo de Viveiro lanza web oficial

martes, 26 de xullo do 2016 Redacción

Dende o pasado 22 de xullo está dispoñíbel e operativa, a pleno rendemento, a páxina web oficial de Turismo de Viveiro. O desenvolvemento e lanzamento do sitio, accesíbel en viveiroturismo.com e en viveviveiro.com, insírese nunha política local de reforzo da actividade turística da que tamén abrollaron outros recursos complementarios (un novo folleto para visitantes, unha peza audiovisual específica, o pulo da marca turística Vive Viveiro ou os diferentes traballos para emprazar a vila lucense nos espazos en liña máis referenciais). A nova web, sinala o Concello, salienta por achegar “información clara e concisa dos distintos valores turísticos de Viveiro”, con tecnoloxía actualizada, dunha maneira visual e xeoreferenciada. Ademais, fornécese plenamente adaptada para permitir unha óptima navegación en dispositivos intelixentes, PC ou tabletas (web responsive).
“Con esta nova web”, explicou a alcaldesa, María Loureiro, “damos un gran salto cualitativo na promoción do concello no seu conxunto e poñemos en mans do sector, dos visitantes e turistas unha ferramenta de xeoposicionamento dos valores turísticos de Viveiro e incluso do entorno”. Segundo engade, a páxina tira proveito da tecnoloxía máis usada en internet, a de Google, que permite emprazar por GPS os distintos valores ou recursos turísticos, “posibilitando aos usuarios da web descargar os recursos nos seus dispositivos podendo calcular a súa distancia e a ruta para poder chegar a eles sen erro ningún”. Na súa opinión, “xeoreferenciación dos valores, recursos turísticos, rutas, aloxamentos e servizos fan de Viveiro un destino intelixente”. Tamén lembrou que o traballo de contido na súa totalidade e estruturación foi realizado pola consultoría turística Acturimo.

PUBLICIDADE