Twitch falla en España por un mal bloqueo anti-piratería

venres, 14 de maio do 2021 Marcus Fernández

Durante a tarde de onte, moitos usuarios españois que se dirixían a Twitch para ver algún dos seus directos favoritos vía como na caixa de vídeo aparecía un Erro 2000, fallo que practicamente facía inaccesible o servizo de vídeo en directo de Amazon en territorio español no que pronto sóubose que non era un fallo no servizo, senón un bloqueo a nivel de operador que podía evitarse empregando unha rede privada virtual (VPN).
O motivo resultou ser a mala aplicación dunha sentenza xudicial que facilitaba o bloqueo rápido de servizos na Internet que pirateaban sinais de televisión de pagamento, pois a listaxe de enderezos a bloquear que comunicou un dos denunciantes, Telefónica Audiovisual, incluíu dentro da relación de enderezos a bloquear os servidores de streaming de Twitch, de xeito que, en vez de bloquear un servizo de retransmisión de vídeo ilegal afectaron a unha das meirandes plataformas de vídeo en directo a través da Internet.
A velocidade de reacción dos operadores foi bastante desigual, con usuarios que quedaron sen poder acceder a Twitch até preto da noite, pero o que quedou en evidencia é o mecanismo de bloqueo rápido de páxinas web, que ao realizarse sen controis de ningún tipo pode provocar graves prexuízos, xa que pode afectar a servizos de información, de comercio electrónico ou calquera outras páxina web, que nesta ocasión puido supor perdas económicas para os streamers que realizan a súa actividade en Twitch, aínda que é previsible que fosen moi limitadas polo horario da incidencia e polo feito de que a grande masa de espectadores do creadores de contidos españois está ao outro lado do Atlántico.

PUBLICIDADE