Twitter estrea un Modo Seguro para evitar o acoso e outros abusos

mércores, 1 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Un dos grandes problemas de Twitter é, sen dúbida, o acoso que reciben algúns usuarios, comportamentos abusivos contra os que é difícil actuar, e para que os usuarios se sintan máis cómodos e poidan ter un mellor control da súa experiencia anuncian hoxe o novo Modo Seguro, unha nova función que ten como obxectivo reducir as interaccións disruptivas, e que comeza a funcionar nun pequeno grupo de usuarios con Twitter en inglés.
O Modo Seguro permite bloquear temporalmente durante 7 días as contas que utilicen unha linguaxe potencialmente daniña como insultos ou comentarios de odio, así como respostas ou mencións repetitivas e non desexadas. Deste xeito, cando alguén activa este modo, Twitter analiza as respostas aos seus chíos, sen bloquear ás contas coas que hai unha interacción frecuente, de xeito que evita equívocos e basicamente limítase a eliminar comunicacións molestas, facendo máis amigable a experiencia de uso de Twitter, que é a plataforma social con comportamentos máis abusivos actualmente.
Dado que o sistema non é perfecto, é posible comprobar os usuarios que están bloqueados temporalmente, podendo así reverter a situación en caso de accidente, confiando dende Twitter que o sistema automático vaia mellorando paulatinamente para conseguir un funcionamento o máis preciso posible.

PUBLICIDADE