Twitter muda a tipografía dos seus nomes de usuario

venres, 27 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

A nova tipografía fai máis claro o ele e o cero, para non confundilos co I e o O.

Nas últimas horas Twitter recibiu unha modificación tan sutil como importante, xa que mudou a implementación do seu tipo de letra, TwitterChirp, para empregar o estilo das tipografías OpenType, o que facilita que letras como o l minúsculo e o i maiúsculo ou o número 0 e a letra o maiúscula poidan diferenciarse claramente.
O que resulta curioso é que, en vez de aplicar esta nova tipografía en todos os contidos de Twitter, polo momento limita a aplicación aos nomes de usuario cando consultamos o seu perfil, polo que parece bastante claro que a intención non é que o texto resulte máis doado de ler, senón que simplemente queren evitar as confusións que pode haber con nomes de usuario que poidan facilitar a suplantación de identidade, e que así unha conta como @e10nmusk non poida confundirse coa do propio Elon Musk.
Polo momento o cambio pode verse na versión web de Twitter, pero é de esperar que tamén se aplique nas aplicacións móbiles da plataforma na súa vindeira actualización.

PUBLICIDADE