UE Boom 2: o altofalante Bluetooth que podemos levar a todas partes

mércores, 16 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O altofalante incorpora resistencia á augua (até metro e medio de profundidade) nesta revisión

Tras o éxito do altofalante sen fíos UE Boom, dende Ultimate Ears (marca de Logitech especializada en produtos de son) decidiron seguir o rumbo do UE Roll e incorporar resistencia á auga (IPX7) e ás caídas (até metro e medio de altura) ao seu novo UE Boom 2, que co tamaño dun botellín de auga (formato que, por exemplo, facilita o seu transporte no porta-botellas dunha bicicleta) busca servir para levar a música connosco.
O UE Boom 2 é un altofalante Bluetooth que pode funcionar até a 30 metros de distancia da súa fonte de son, e que cunha autonomía de até 15 horas resulta ideal para levar durante actividades ao aire libre sen medo a que se estrague dada a súa resistencia.

Unha aplicación móbil enriquece as funcionalidades do altofalante

Este trebello tamén pode controlarse coa súa correspondente aplicación para iOS e Android, o que permite que, por exemplo, poidamos espertar pola mañá coa nosa música favorita, e incluso conta con funcións como emparellarse con outros altofalantes do mesmo fabricante, o que facilita montar toda unha festa sonora sincronizando a música que se escoita nos distintos altofalantes que subministran un son en 360 graos. O UE Boom 2 ten unha altura de 180 milímetros, un diámetro de 67 milímetros e un peso de 548 gramos, pode empregarse tamén como mans libres do teléfono, a súa batería interna cárgase mediante micro USB (proceso que leva unhas 2 horas) e o seu prezo de venda é de 199 euros (podendo mercarse nunha completa gama de cores).

O UE Boom 2 está dispoñible en varias cores rechamantes

Vídeo promocional do UE Boom 2

PUBLICIDADE