USB Armory, un minúsculo ordenador para os amantes da seguridade informática
luns, 15 de decembro do 2014
A empresa italiana Inverse
Path está a buscar financiamento para facer realidade o seu USB Armory, un
curioso dispositivo USB baseado en tecnoloxías abertas que, aínda que parece
unha simple unidade de memoria USB, realmente trátase dun ordenador completo
cun procesador Freescale i.MX53 ARM Cortex-A8 a 800 MHz e 512 Mb de RAM que
pode correr aplicacións de seguridade informática.
Este trebello mide só 65 x 19 x 6 milímetros, aliméntase por USB (só precisa de
500 mA para funcionar) e conta cun lector de tarxetas microSD dende o que poder
cargarlle unha distribución de Linux.
Pode configurarse para distintos usos,
como unidade de almacenamento con características avanzadas (cifrado automático,
anti-virus ou auto-destrución de datos), cliente OpenSSH e axente para postos
inseguros, router para conexións VPN, ponte Tor, administrador de contrasinais
cun servidor web integrado, moedeiro electrónico (compatible con Bitcoin) ou
incluso para realizar auditorías de seguridade.
A campaña de micromecenado que promove este produto achégase xa á metade da súa
meta (para a que faltan aínda 47 días, polo que parece garantido o seu éxito) e
esta curiosa solución USB pode adquirirse por 130 dólares (140,49 euros),
pasando a remitirse aos mecenas a partires do vindeiro mes de marzo.