UVigo SpaceLab e a Zona Franca xuntan forzas para poñer en órbita un nanosatélite

mércores, 19 de maio do 2021 Sandra Rivadulla

A Zona Franca de Vigo apoiará ao alumnado das escolas de Enxeñaría do UVigo que forman SpaceLab para dar impulso definitivo ao proxecto BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment), cuxo obxectivo é analizar, por medio dun nanosatélite e diferentes tecnoloxías de medición e monitoraxe, os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.
O delegado do Estado, David Regades, comprometeuse a apoiar á asociación para que se poida lanzar o nanosatélite que analizará o comportamento de microorganismos no espazo. De feito, Regados explicou que “isto permite que o talento que se forma nas enxeñarías da Universidade de Vigo quede na casa”.
En xeral, o proxecto levará tres anos e pretenderá entender como afecta a exposición prolongada ao ambiente espacial, tanto nos humanos como nos organismos que viaxan con eles. Para cumprir co desexado, enviaranse cultivos bacterianos ao espazo a través de tarxetas de milifluídica nun CubeSat (un satélite de pequenas dimensión). Así, a análise dos datos das mostras comezará cando este nanosatélite estea en órbita.
Deste xeito, o calendario de traballo conta con varias etapas, fixadas en base aos estándares ECSS (European Cooperation for Space Standardization) da Axencia Espacial Europea. O primeiro punto será completar as fases A e B, que supoñen o deseño preliminar e o prototipo da estrutura e os distintos subsistemas. A segunda fase, que se levará a cabo no 2022, centrarase nos pasos C e D, comezando coa ensamblaxe e verificación da misión. Na última etapa, que se realizará en 2023, será cando o CubeSat lanzarase á súa órbita obxectivo.

PUBLICIDADE