Ubisoft+ pode probarse de balde até o 10 de outubro

luns, 12 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Para celebrar o terceiro aniversario do servizo de subscrición de videoxogos Ubisoft+ ofrecen a modalidade Multi Access para PC, Stadia e Amazon Luna de balde até o 10 de outubro, animando aos usuarios así a probar este servizo que permite xogar a máis dun cento de títulos de Ubisoft, como Assassin’s Creed Valhalla, Far Cry 6, Watch Dogs: Legion ou as sagas de Prince of Persia e Rayman. Os xogos non se limitan á súa versión básica, senón que tamén inclúen seu contidos adicionais e pases de tempada das súas edicións premium, e chegan ao servizo dende o día do seu lanzamento.
Cómpre advertir que estamos ante unha subscrición de proba, ou sexa, que os usuarios deberán cancelar a subscrición atés do 10 de outubro se non queren que se lles cargue a tarifa mensual estándar.
Aínda que Ubisoft+ inicialmente só permitía a instalación de xogos en PC, con Multi Access o xogo faise moito máis accesible, xa que os títulos tamén están dispoñibles a través de Stadia, o que permite gozar dos mesmos sen contar cun ordenador potente, xa que son os servidores de Google os que corren o xogo para que poidamos manexalo dende un ordenador, un dispositivo móbil ou incluso directamente un televisor conectado.

PUBLICIDADE