Ultimate Ears presenta un altofalante que quere ser o corazón das festas

mércores, 26 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A compañía de Logitech especializada en altofalantes, Ultimate Ears, está a incorporar ao seu catálogo un novo produto que quere situarse no cumio dos seus altofalantes sen fíos, o Hyperboom, que ten previsto pórse á venda o vindeiro 2 de marzo nos EE.UU. a un prezo de 399 dólares (367 euros).
Estamos ante o altofalante de maior tamaño e volume de son de todos os fabricados por Ultimate Ears (tería o triplo de volume que o Megaboom 3 e 6 veces máis de graves) buscando así ser o corazón das festas, para o que tamén presume de ecualización adaptativa, ou sexa, que o altofalante analizaría a estancia na que está para axustar o son ao contorno.
O UE Hyperboom permite a conexión de até 2 dispositivos por Bluetooth, un dispositivo por entrada auxiliar e outro por entrada óptica, podendo mudar entre as distintas fontes con só tocar un botón. Tamén é posible emparellar este altofalante con outro igual (ou cos modelos Boom e Megaboom de Ultimate Ears) para crear unha mellor experiencia sonora.
Dado que este tipo de altofalantes non está pensado para a súa instalación nun curruncho, o dispositivo conta con protección IPX4 (pensando en soportar salpicaduras de líquidos nunha festa), pódeselle enganchar unha correa para facilitar o seu transporte e tamén inclúe unha batería recargable para poder gozar de música até 24 horas cando non haxa unha toma de corrente a man. Inclúe un porto USB que pode resultar de utilidade para recargar a batería do noso smartphone durante as longas sesións musicais.

Vídeo promocional do UE Hyperboom

PUBLICIDADE