Últimos días para enviar contribucións ao certame Galetiktokers de Ames

venres, 27 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Ames vén de lembrar que está a piques de chegar ao seu remate (o 30 de novembro) o prazo para participar no certame Galetiktokers, unha iniciativa coa que se pretende estimular a creatividade entre a xente nova (mozas e mozos maiores de 14 anos), animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e dar visibilidade á comunidade galega de tiktokers.
O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade organizan este proxecto, no que se pode participar de forma individual ou por parellas, con dúas categorías en función da idade. Na primeira categoría entrarán rapazas e rapaces de 14 a 16 anos, ambas as dúas idades incluídas; na segunda, incluiranse mozas e mozos a partir de 17 anos. No caso de participaren dúas persoas no mesmo vídeo, deberá ser con pantalla compartida para cumprir as normas sanitarias de seguridade; deste xeito, poderase compartir vídeo pero non espazo de gravación.
Premios e xurado
As bases do certame establecen catro premios, dous en cada categoría, de 150 euros cada un deles. Haberá premios do público e premios do xurado. Os premios do público levaranos as pezas que obteñan máis gústame no perfil de Instagram @omixames en cada unha das categorías. O resto dos premios decidiraos o xurado que valore todas as pezas participantes. Nesta primeira edición, o certame conta cun xurado composto por dous recoñecidos youtubeiros, Aquel-e e Olaxonmario, e pola presentadora do programa da TVG Dígocho Eu, Esther Estévez. Os tres valorarán os vídeos, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Características e condicións dos vídeos
Os vídeos que se creen para este certame teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. As pezas, de temática libre, deben ter unha duración comprendida entre 15 e 60 segundos. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva. Poderanse crear pezas audiovisuais relacionadas coa música, o humor, o baile, a interpretación, os efectos especiais, o deporte, etc.

PUBLICIDADE