Ultra Street Fighter II: The Final Challengers non terá prezo reducido

mércores, 1 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Cando se presentou a Nintendo Switch oficialmente dende Capcom sorprenderon anunciando que a súa franquía de xogos de loita non estaría presente na nova máquina coa súa última iteración (Street Fighter V) senón que optarían por unha remasterización de Street Fighter II chamada Ultra Street Fighter II: The Final Challengers, que contaría cos loitadores de Super Street Fighter II aos que engadirían a Evil Ryu e a Violent Ken, e permitiría que o xogador optase polos seu gráficos pixelados orixinais ou por unha versión moderna (como a que puidemos ver en Super Street Fighter II Turbo HD Remix).
Outros detalles desta nova versión é que poderanse aproveitar os Joy-Con da Nintendo Switch para competir entre dous xogadores e, aparte da acción competitiva, tamén será posible formar equipo cun amigo para enfrontarse en equipo a un rival controlado pola consola no novo modo Buddy Battle.
Pero aínda que nun principio o anunciado por Capcom parecía bastante positivo, este xogo que sairá á venda o 26 de maio agochaba unha sorpresa pouco agradable: o seu prezo. Mentres que nas plataformas dixitais podemos atopar o Street Fighter II orixinal a prezos de menos de 5 euros, e a versión remasterizada por menos de 15 euros, no caso da Nintendo Switch o xogo terá un prezo esaxerado, que nos EE.UU. sería de 39,99 dólares, o que non parece razoable para un xogo que non é realmente novo, senón unha simple adaptación que debería venderse a prezo reducido (xa que o máis probable é que quen merque este xogo xa teña unha versión anterior para outras plataformas).

O xogo permite optar entre os gráficos orixinais ou os renovados

Vídeo promocional de Ultra Street Fighter II: The Final Challengers

PUBLICIDADE