Ultra Street Fighter IV chegará á PS4 o 26 de maio

venres, 17 de abril do 2015 Marcus Fernández

Mentres seguimos á espera de saber cando chegará á PlayStation 4 o agardado Street Fighter V, Capcom confirma a data de lanzamento da súa anterior entrega á última consola doméstica de Sony, de xeito que o 26 de maio é o día elixido para que Ultra Street Fighter IV chegue en formato dixital á PS4, permitindo así gozar de todos os personaxes, niveis e contidos descargables publicados durante os últimos anos para a versión de PS3 do xogo, á vez que se goza dunha revisión do xogo lixeiramente mellorada, o que notarán os usuarios máis profesionais, xa que a optimización vai dirixida principalmente a reducir os retardos propios entre a pulsación dos controis e a súa resposta.
O xogo comercializarase inicialmente só en formato descargable, non estando previsto polo momento a súa venda en tendas físicas, o que ten bastante sentido se temos en conta que estamos ante un xogo pensado unicamente para que os incondicionais da saga non teñan que alternar entre dúas consolas para seguir gozando dun xogo que perderá o seu interese en poucos meses, cando chegue o seu sucesor.

PUBLICIDADE