Un accesorio converte o iPad nun TPV
martes, 9 de xullo do 2013
A empresa californiana Square propón unha nova solución para
os negocios, que consiste nun accesorio que
converte o iPad nun terminal de punto de venda, facendo tanto de soporte
como de lector de tarxetas bancarias con banda magnética e que pode empregarse
en combinación cunha impresora de recibos, un lector de códigos de barra ou un
caixón para o efectivo. Supón así unha solución de TPV que non só é atractiva e
cómoda, senón que tamén resulta relativamente económica.
O soporte Square Stand pode mercarse
por 299 dólares (tanto vía web como en distintos establecementos físicos
repartidos por EE.UU.) e de engadir os outros 3 accesorios mencionados antes
sumaríase un prezo de 796 dólares para converter un iPad nun TPV táctil
completo.
Polo momento esta solución é compatible cos iPad 2 e 3 (con conector de 30 pins),
tendo que agardar uns meses para poder adquirirse co novo conector Lightning.
Mide 255,3 x 239,3 x 195,9 milímetros, pesa 2,2 quilogramos e ofrécese cun par
de sistemas de ancorado (adhesivo ou aparafusado).
Vídeo de presentación do Square Stand
- O soporte pode acompañarse con accesorios como unha impresora de recibos e un caixón para o efectivo