Un accesorio de Logitech converte o iPad nun completo mando a distancia universal
martes, 20 de setembro do 2011
Para facilitar o control dos nosos
dispositivos electrónicos e do televisor sen ter que utilizar multitude de
mandos a distancia Logitech anuncia o seu Harmony
Link, un dispositivo de pequeno tamaño que conta cun emisor de
infravermellos e conectividade Wi-Fi, de xeito que actúa como un mando
universal co que interactuar a través dunha aplicación móbil dispoñible para dispositivos
con sistemas operativos a partires de Android 2.0 e iOS 4.0.
Pero esta solución non limita o uso dun iPad ou dun móbil con Android a unha
mero zapper, senón que facilita a
consulta da programación televisiva a través de distintos filtros, de xeito que
non teremos que elixir a canle que queremos ver senón o programa que nos interesa,
pois actúa como un mando intelixente,
que pode controlarse con distintos xestos para modificar o volume, reproducir
vídeo, cambiar de canle... substituíndo ata un total de 8 mandos a distancia
tradicionais.
Cómpre destacar que as funcións máis avanzadas (como a exploración da
programación televisiva) queda limitada ao iPad, pois a súa grande pantalla
facilita o uso de tal prestación. Entendemos así que o interesante deste
produto non é tanto o seu hardware como a aplicación para iPad que o
complementa. Para facernos unha idea do que permite este produto que nos EE.UU.
venderase a 99 dólares podemos ver o seguinte vídeo publicado polo seu
fabricante: