Un accesorio de Samsung engade controis físicos para xogar no móbil

martes, 17 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Para facilitar o uso de videoxogos en dispositivos móbiles durante a presentación do GALAXY S4 a surcoreana Samsung propoñía empregar un accesorio que engadía mandos físicos aos seus terminais con grandes pantallas, e finalmente anuncia hoxe que nas vindeiras semanas poderemos mercar en Europa o Smartphone Gamepad, un accesorio que converte un smartphone ou tabletófono da familia GALAXY nunha consola de videoxogos portátil, ou incluso nunha consola doméstica.
Concretamente este accesorio facilita a conexión con dispositivos con pantallas de entre 4 e 6,3 polgadas, que poden suxeitarse na súa parte superior e cos que se comunica por Bluetooth (coa posibilidade de realizar o emparellamento por NFC), estando optimizado este sistema de control para terminais con Android 4.3 como os GALAXY Note 3, Note II, S III e S4.
Actualmente hai numerosos xogos adaptados ao uso de controis físicos, como os títulos de carreiras Need for Speed: Most Wanted e Asphalt 8: Airborne, o xogo de acción en primeira persoa Modern Combat 4: Zero Hour, o célebre Virtua Tennis Challenge de SEGA, e incluso o clásico Prince of Persia, permitindo un manexo máis preciso que o que ofrecen os controis virtuais amosados na pantalla táctil dos dispositivos móbiles.
O Smartphone Gamepad pesa 195 gramos e inclúe nos seus 137,78 x 86,47 x 31,80 milímetros unha cruceta de 8 direccións, 2 pancas analóxicas, 4 botóns de acción, 2 botóns de gatillo, botos de Select e Start e incluso un botón de PLAY que lanza a aplicación Mobile Console de Samsung que converte o smartphone nunha consola portátil.

O accesorio converte os smartphones en consolas de videoxogos portátiles

PUBLICIDADE