Un accesorio quere engadir son sen fíos á Nintendo Switch
venres, 13 de xullo do 2018
Pese a que a Nintendo Switch conta con conectividade
Bluetooth 4.1, para a reprodución de son emprega unha toma de auriculares (ou a
súa saída HDMI se temos a consola conectada ao televisor), o que non convence a
moitos amantes dos auriculares sen fíos, de aí que chegue
a Kickstarter un proxecto para financiar GENKI, un accesorio que conectado á
toma USB-C da consola de Nintendo permite a súa conexión con auriculares Bluetooth
5 e inferiores, empregando o codificador de baixa latencia aptX (de xeito que o
retardo do son sería de só 60 milisegundos, o que sería practicamente imperceptible).
Esta solución, ao conectarse por USB-C non precisa de batería interna (xa que
toma a corrente do propio porto) e incluso permite conectar un par de
auriculares á vez (pensando en experiencias para dous xogadores), podendo
situarse os auriculares até a 20 metros de distancia da consola.
Este dispositivo pode adquirirse por 39 dólares (uns 33 euros) aínda que non se
remitirá aos seus mecenas até o mes de outubro, aínda que o produto corre o
risco doutros proxectos de micromecenado semellantes: ter que competir con
produtos semellantes comercializados dende China (de feito, xa
están á venda dispositivos semellantes a un prezo moi inferior).
- O accesorio aproveita a saída de son por USB-C da Nintendo Switch para convertela nun emisor Bluetooth 5.0