Un anel quere converter a palma da man nunha interface táctil
luns, 3 de febreiro do 2014
O
micromecenado continúa a achegarnos produtos conceptuais que buscan converterse
en realidades comerciais, entre os que estes días está a destacar o Fin, un anel que permite converter a palma da
man nun teclado numérico e nunha interface xestual para manexar distintos
dispositivos a través de Bluetooth, que busca
xuntar 100.000 dólares para ver a luz.
Para poder optar a facerse cun destes orixinais dispositivos (no caso de que o
proxecto consiga trunfar nos vindeiros 19 días) podemos aboar 79 dólares (uns
73 euros con portes), co que recibiriamos unha versión para desenvolvedores do
anel Fin no mes de xuño; mentres que a versión final do produto pode encargarse
por 99 dólares (uns 88 euros) para recibirse no mes de setembro.
Este produto pode supor unha atractiva alternativa para controlar smartphones,
televisores conectados, reprodutores multimedia... aproveitando as
posibilidades de comunicacións de baixo consumo do Bluetooth 4.0; e aínda que
posiblemente non pareza ser a mellor interface de control que podiamos empregar,
existen escenarios nos que pode supor toda unha revolución, como o seu uso por
persoas con deficiencias visuais (que están afeitos a sentir o mundo a través
do tacto).
O anel será flexible e resistente a auga, funcionará cunha batería recargable
cunha autonomía de ata un mes, integraría sensores para detectar os movementos
do polgar (dedo no que debe colocarse) e sería compatible con Windows, OS X,
iOS, Android e Windows Phone.
Vídeo de presentación do anel Fin