Un brazalete de papel electrónico trunfa en Indiegogo
xoves, 12 de febreiro do 2015
Durante o primeiro día de campaña de micromecenado en
Indiegogo o proxecto
de brazalete de papel electrónico Tago Arc consegue superar os 40.000
dólares que completarían o seu financiamento, polo que os seus mecenas poderán
recibir este produto o vindeiro mes de decembro.
O uso da tecnoloxía de tinta electrónica para a moda non é algo novo, pero
parece que a proposta dun brazalete que conta cun panel que presenta un deseño
que pode personalizarse en calquera momento dende un smartphone conseguiu verse
como un produto moi atractivo (posiblemente polo acerto de lanzar a campaña de
captación de fondos poucos días antes de San Valentín).
Para funcionar, este curioso accesorio conta cunha pequena batería interna
suficiente para operar durante anos cunha única carga, e para comunicarse co
móbil, en vez de apostar pola tecnoloxía Bluetooth, emprega NFC, o que garante
unha maior autonomía e un uso máis sinxelo. O panel de papel electrónico do
brazalete ten unha densidade de 150 puntos por polgada e pode presentar 16
niveis de gris, o que permítelle amosar unha grande riqueza de deseños que
poden transferirse nun tempo de entre 5 e 15 segundos. O corpo metálico no que
está integrado o panel estará dispoñible en tres tamaños e en tres cores distintas
(negro, dourado e prateado).
No momento de escribir estas liñas é posible facerse cun destes brazaletes por
199 dólares (187,74 euros con portes incluídos), aínda que o número de unidades
para este prezo é limitado, pasando logo a venderse cada Tago Arc por 259
dólares (240,37 euros).
- O Tago Arc parece ter acertado no xeito de aplicar tecnoloxía á moda