Un catálogo recolle as solucións de software libre dispoñibles en Galicia

luns, 14 de marzo do 2011 Marcus Fernández

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia publicou nos últimos días un Catálogo de Produtos e Servizos TIC que pretende achegar á PEME un maior coñecemento sobre as posibilidades que brinda o software libre. Este documento elaborado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) en colaboración co departamento autonómico, forma parte das accións do Plan de Software Libre que puxo en marcha a Xunta en 2010 e que ten continuidade no presente ano.
O Catálogo de Produtos e Servizos de Software Libre está estruturado en seis apartados que cunha linguaxe sinxela describen as posibilidades que o software libre e como acceder a elas. A introdución serve de guía sobre como usar o catálogo ademais de explicar brevemente qué é o software libre e cales son as súas posibles aplicacións. O apartado situacións, organizado a modo de preguntas e respostas, explica ao lector as alternativas que hai no software libre a circunstancias habituais no ámbito empresarial .
O terceiro capítulo ofrece o listado das 27 empresas que integran AGASOL, achegando os datos de contacto, situación e un breve resumo das súas liñas de negocio e servizos. No cuarto apartado do documento o lector atopará preto de preto de 90 produtos e servizos que ofrecen as empresas de AGASOL. Esta información inclúe a descrición do produto ou servizo, o sector ao que vai dirixido, o tipo de licenza e a comunidade de usuarios, asociacións e empresas que dan soporte ao produto. Este catálogo facilita ao lector a busca de soporte en ferramentas de software libre.
A información anterior complétase cunha táboa cruzada de empresas e categorías que permite relacionar dun xeito rápido e visual as empresas e categorías de produtos e servizos que ofrecen. O documento péchase cun mapa no que se indican onde están ubicadas as empresas para que o lector saiba cales son as que ten máis próximas para acceder a solucións de software libre.

PUBLICIDADE