Un estudo da URJC deixa a España fóra da primeira liña europea na Sociedade da Información

xoves, 29 de maio do 2008 Marcus Fernández

Un estudo do grupo ANIMA+D da Universidade Rei Xoán Carlos (URJC) sobre a receptividade cidadá a Internet analiza a fenda dixital entre os distintos países europeos e comunidades autónomas españolas.
Na análise autonómica destacan que aínda que mentres en Madrid a penetración da Rede é do 49,9%, seguida por Cataluña (46,7%) e País Vasco (45,4%), non hai que esquecer as comunidades máis atrasadas que serían Estremadura (cunha penetración de só o 22,8), Castela A Mancha (31,5%) e Galicia (31,6%). O estudo analiza os distintos factores que influirían na adopción da Internet, destacando que as variables económicas e educativas teñen unha incidencia notable.
A nivel europeo os resultados tampouco son optimistas, pois entre os 32 países europeos que aparecen no Eurobarómetro, España aparece na posición 20, o que deixaría ao noso país fóra do grupo de alto desenvolvemento da sociedade da información, quedando así nivel medio-alto, ao mesmo nivel de Bélxica e Estonio e por debaixo de Alemaña do Este.
Neste ámbito parece quedar claro que a fenda xeracional tamén é moi importante, de xeito que queda constancia de que a meirande parte da poboación non conectada á Rede ten máis de 55 anos, polo que o envellecemento poboacional tamén xoga en contra da consolidación das TIC.

PUBLICIDADE