Un informático noregués descodifica o sistema de protección das cancións de iTunes

xoves, 26 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Semella que para cada tecnoloxía de seguridade hai un pirata disposto a poñela en evidencia, máis tarde ou máis cedo, e segundo a Axencia EFE un novo exemplo disto é o que vén de acontecer cos códigos que protexen ó iPod de reproducir cancións que non foran obtidas a través das canles permitidas: as de iTunes.
O responsable desta mala nova para Apple (e boa para a meirande parte dos usuarios do reprodutor iPod e tamén dos das empresas rivais, para que nos imos a enganar) é Jon Lech Johansen, un informático noregués coñecido como DVD Jon e que asegura ter descifrado os ditos códigos, co que até planea xa obter unha licenza para vendelo dende a súa empresa Double Twist Ventures.
O mozo, de 22 anos e residente en San Francisco, xa ten algún fito importante no seu currículo: ós quince anos pendurou en Internet un programa para copiar e reproducir DVDs en calquera artigo.
O que vén de desenvolver agora DVD Jon, ademais dun perigo para as empresas distribuidoras de música en liña, significaría que as cancións que merquemos na tenda en rede de Apple (iTunes) se poidan escoitar en reprodutores diferentes ós que subministra a mesma Apple (iPods) e viceversa: que o que adquirimos por outros vieiros poida ser escoitado nos iPods. Isto conseguiuno o devandito informático noregués poñendo en evidencia o sistema anticopia de Apple, o FairPlay (xogo limpo).