Un kit permite que os cativos constrúan o seu propio ordenador con pantalla táctil

xoves, 13 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Para axudar a que os principiantes de todas as idades poidan entender como funcionan os ordenadores dende Kano comercializan uns kits de montaxe para que así poidan coñecerse os elementos que conforman un equipo informático, e o vindeiro 31 de outubro chegará ao mercado o Computer Kit Touch a un prezo de 299,99 euros, de xeito que poderemos contaremos cos elementos que permitirán construír un equipo con pantalla táctil co que pode crear arte, música e xogos coas ferramentas subministradas.
Para que un cativo sexa quen de montar o seu propio ordenador con pantalla táctil contará cunha especie de conto que narrará paso a paso como xuntar os elementos para montar o seu propio equipo, o que facilita entender o seu funcionamento. Dende Kano tamén contan cunha plataforma en liña para poder compartir creacións elaboradas con este tipo de equipos, que actualmente conta con máis de 660.000 creacións e máis de 57 millóns de liñas de código, que serven para animar aos cativos a programar.
O equipo montado, que funciona con Kano OS, tamén conta con aplicacións como YouTube, Google Maps ou a Wikipedia, así como outras aplicacións de grande interese para a creación de código, como Hack Minecraft, Make Art, Make Pong, Terminal Quest e moitas máis.

Vídeo promocional do Computer Kit Touch de Kano

PUBLICIDADE