Un libro recolle de xeito visual os principais sistemas de videoxogos dos últimos 50 anos

venres, 25 de novembro do 2022 Marcus Fernández

A editorial española Game Press está a traballar na adaptación do libro The Game Console 2.0 do fotógrafo e historiador de videoxogos Evan Amos, no que se recolle os 50 anos de historia das consolas e ordenadores que deron vida aos nosos videoxogos favoritos a través de fotografías de alta calidade.
Esta obra recolle nas súas 316 páxinas o que serían as tripas de ordenadores como o ZX Spectrum ou o MSX e de consolas como a Magnavox Odyssey, a Game Boy ou a PlayStation 3, achegando tamén algúns produtos menos coñecidos polo grande público, de xeito que podemos entendelo como unha obra de referencia ou como o canalizador da nostalxia dos xogadores de certa idade.
Consolas de Videojuegos 2.0 presenta fotografías exclusivas, textos e fichas de cada sistema, e ao estarmos ante unha edición actualizada, tamén figuran no volume as consolas da actuais (a Nintendo Switch, a PlayStation 5 e as Xbox Series X|S).
Este libro traducido polo xornalista de videoxogos Bruno Sol, está dispoñible en reserva a un prezo de 33,95 euros, prevéndose o seu lanzamento para o vindeiro 16 de decembro.

O libro non esquece os ordenadores de 8 bits que causaron furor nos anos 80
O libro é un xeito de saber como eran por dentro as distintas consolas de videoxogos

PUBLICIDADE