Un novo accesorio facilitará controis de xogo físicos a dispositivos con iOS 7

venres, 20 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Unha das novidades que inclúe o iOS 7 é unha mellor integración con dispositivos de xogo, e mentres os grandes fabricantes non amosan as súas cartas, ClamCase amosa os seus GameCase, accesorios que permiten incorporar a dispositivos móbiles de Apple uns controis físicos semellantes ao mando dunha Xbox 360 (incluso no seu tamaño) e que chegar en versións adaptadas para todos os iPhone e iPad compatibles con iOS 7 (o que faría un total de 5 versións do accesorio).
O GameCase permitiría gozar dos xogos para iOS cun control máis fiable e robusto que unha pantalla táctil (evitando tamén que os nosos dedos dificulten a visión da pantalla completa), engadindo 2 mandos analóxicos, unha cruceta dixital, 4 botóns de disparo na parte dianteira e 4 botóns traseiros (accionables a xeito de gatillos).
Este accesorio tamén gañaría atractivo se tempos en conta que é posible gozar dos xogos para iOS no televisor a través de AirPlay, de xeito que podería conseguirse unha experiencia de uso moi semellante á das consolas de videoxogos domésticas.
Cómpre destacar que con iOS 7 os mandos externos cobran un maior protagonismo porque o seu uso está estandarizado por Apple, de xeito que é de agardar que a meirande parte dos grandes xogos de acción para iOS incorporen o seu soporte a partir de agora.

PUBLICIDADE