Un pequeno dispositivo facilita a localización da nosa equipaxe

xoves, 1 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Un interesante proxecto con tecnoloxía de xeolocalización está a estrearse comercialmente nos EE.UU. Trátase de Trakdot Luggage, un pequeno dispositivo de 7,6 x 5,7 x 1,9 centímetros pensado para gardar na nosa equipaxe cando viaxemos para poder localizalo de xeito doado en caso de extravío, posto que esta solución utiliza tecnoloxía de telefonía móbil para, mediante triangulación, establecer a súa posición (evitando os problemas de cobertura do GPS). Este trebello tamén detecta cando está nun avión para colocarse nun modo de repouso e reactivarse no momento da aterraxe (cumprindo así co regulamento aéreo que obriga a levar certos dispositivos electrónicos apagados durante os voos).
O Trakdot Luggage pode configurarse para que ao chegar a equipaxe a terra remita unha mensaxe de texto ou un correo electrónico, tamén conta con aplicacións móbiles para Android e iPhone (sempre que conten con Bluetooth 4.0) que avisa cando temos a equipaxe a menos de 10 metros de distancia, funciona con pilas AA (que achegan unha autonomía de 2 semanas de uso) e véndese por 49,99 dólares aos que hai que sumar 8,99 dólares por activación e 12,99 dólares ao ano para manter o seu servizo (lembremos que está baseado en telefonía móbil, de aí as cotas).
Estamos ante unha combinación de produto e servizo moi interesante, que principalmente está centrada nos EE.UU. (por mor do servizo de envío de mensaxes de texto), pero que parece unha idea bastante exportable e unha interesante opción para os viaxeiros frecuentes.

PUBLICIDADE