Un proxecto de Kickstarter quere facer smart calquera reloxo de pulso
mércores, 4 de xuño do 2014
Mentres
moitos fabricantes están a desenvolver os seus propios smartwatches que substitúen os reloxos de pulso actuais, o
Glance Team leva a Kickstarter un proxecto que busca xuntar 150.000 dólares
canadenses para facerse realidade, e que optaría por unha liña alternativa: un
accesorio que engadir á correa do reloxo para achegar as prestacións propias
dun smartwatch.
Este accesorio chamado Glance comunicaríase co smartphone a través de Bluetooth
4.0, contaría cun LED multi-cor para notificacións, unha pequena pantalla OLED
de alto contraste, sensores de movemento e unha carcasa de aluminio, o que
sería dabondo para poder saber o nome do noso interlocutor cando recibimos unha
chamada, ler mensaxes de texto cando os recibamos ou lanzar unha mensaxe de
resposta programa dun xeito áxil (por exemplo, avisando que imos no automóbil e
que responderemos ao chegar ao noso destino).
O Glance tamén serviría para atopar o teléfono con só premer un botón, filtrar
chamadas non desexadas (incorporándoas a unha listaxe negra), empregarse co
ordenador como un sistema de control semellante ao mando da Wii (grazas aos
seus sensores de movemento tridimensional), utilizalo como mando a distancia
dun Smart TV (por exemplo, para pausar a reprodución dun contido) e facer un
seguimento da actividade física do usuario (como fan os chamados cuantificadores
de actividade).
Para que este dispositivo resulte cómodo fabricarase en 3 tamaños distintos (con
anchos de correa de 18, 22 e 26 milímetros), será compatible coa correa actual
do reloxo (aínda que tamén será posible adquirir unha de alta calidade
específica para este accesorio), resistirá a auga e virá acompañada por
software para o smartphone, que inicialmente limitarase a Android e iOS, aínda
que de recibir suficientes mecenas tamén poderían adaptar o sistema a Windows
Phone e BlackBerry (concretamente fixan a barreira económica para tal obxectivo
nos 500.000 dólares canadenses).
O prezo de Glance parte dos 70 dólares canadenses (uns 57 euros cos gastos de
envío incluídos) e comezarían a remitirse aos primeiros mecenas que apoien o
proxecto no mes de outubro.
Vídeo de presentación deste proxecto de micromecenado