Un teléfono sen fíos de Philips permite recibir as chamadas do móbil

mércores, 14 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Avanzando na converxencia entre o teléfono fixo e o móbil Philips presenta o seu terminal ThinkLink, que é unha solución de telefonía sen fíos que combina Bluetooth e DECT, e que agradecerán especialmente os profesionais que traballen ou queiran levar os seus negocios a casa. O Philips ThinkLink consiste nun teléfono DECT con pantalla TFT de 2,4 polgadas cunha base coa que poden conectarse por Bluetooth ata 2 teléfonos móbiles (que tamén poden cargarse a través de tomas USB integradas) de xeito que permitiría responder as chamadas de fixo e móbil nun único terminal. O dispositivo tamén descarga a información de ata 500 contactos de cada teléfono móbil, polo que poderiamos identificar dun xeito áxil as chamadas recibidas a través desta solución.
Entre as vantaxes do Philips ThinkLink estaría a súa autonomía (aguanta ata 22 horas en conversa) e a calidade de recepción das chamadas (pois o sinal DECT podería chegar sen problemas a habitacións con mala cobertura móbil sempre que a base estea colocada nun lugar onde a recepción GSM sexa boa).
O Philips ThinkLink xa está dispoñible en España a un prezo de 139 euros.

O Philips ThinkLink parece unha excelente opción para profesionais en pequenas oficinas ou que traballen na casa

PUBLICIDADE