Un vídeo confirma as novidades do Samsung Galaxy Note9 a unha semana da súa presentación

venres, 3 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro día 9 vai celebrarse un Galaxy UNPACKED, evento de Samsung no que presentarase en sociedade o Samsung Galaxy Note9, pero poucas serán as sorpresas que poderá ter tal xornada, xa que tras numerosas filtracións nas últimas horas a propia Samsung publicou en YouTube accidentalmente o vídeo promocional do novo smartphone, confirmando as súas grandes novidades.
Temos así o que sería a evolución natural do Galaxy Note8, un móbil de Pantalla Infinita con cámara traseira dual e S Pen, que parece avanzar nas súas características principais, de xeito que o lapis dixitalizador será de nova xeración (coméntase que terá Bluetooth, o que permitiría, por exemplo disparar remotamente a cámara do móbil) e a cámara traseira principal incorporará a apertura dobre que xa puidemos ver nos Galaxy S9.
Outro detalle bastante rechamante é que haberá unha versión do Note9 con 512 GB de almacenamento interno, ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB, ou sexa, que pode sumar un total de 1 TB de almacenamento, capacidade máis propia dun ordenador persoal que dun móbil, e que faría que os usuarios non tivesen que preocuparse á hora de manter fotografías e vídeos no seu dispositivo.
Tamén medrará a capacidade da súa batería até os 4.000 mAh, o que suporá unha grande tranquilidade para o uso diario. En definitiva, o Note9 non será unha revolución con respecto ao Note8, pero si unha evolución que agradecerase especialmente entre os usuarios máis intensivos, que gozarán dun terminal que aspira a converterse no grande referente para o mercado empresarial.

PUBLICIDADE