Unayta cataloga e dixitaliza os cen anos de historia da Coral De Ruada

mércores, 6 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Unayta, empresa galega centrada en servizos dixitalización documental, sinatura biométrica e redes sociais, vén de xuntar forzas coa Coral de Ruada para universalizar, preservar e poñer en valor os seus arquivos, un máis que relevante legado histórico e artístico da nosa terra. De feito, a Coral de Ruada é unha das agrupacións musicais máis antigas de Galicia, xurdida en Ourense no contexto de reivindicación da cultura galega iniciada polas Irmandades da Falas, impulsadas a comezos do século XX por intelectuais como os irmán Vilar Ponte, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas ou Florentino López Cuevillas, entre outros.
Agora, tras máis de cen anos de andaina, a Coral encomendoulle á devandita empresa TIC con sede en Milladoiro (Ames) a ordenación, catalogación e dixitalización dos seus fondos, un proceso que optimizará a organización dos seus documentos e partituras “ao mesmo tempo que espallará a súa traxectoria”, explican dende Unayta. O tesouro patrimonial da Coral inclúe fotografías, cartas, partituras, discos e carteis: as diferentes partes dun amplo arquivo documental que “narra a realidade da cultura ourensá e galega dos últimos cen anos”.
O labor de Unayta centrouse na ordenación e catalogación arquivística dos fondo para poder coñecer as riquezas que estes gardan, darlles o valor que estas merecen e “facilitar unha sinxela recuperación por parte de calquera usuario que queira acceder ó arquivo”, sinalan fontes da empresa, engadindo que o devandito proceso foi “o paso previo do proceso da dixitalización da documentación, que aseguraría a súa preservación futura e, de igual xeito, promover o seu acceso e utilización”. O labor por enteiro foi proporcionado ao arquivo musical da Coral De Ruada.

PUBLICIDADE