Uncharted 4 estrea o seu tráiler final

luns, 25 de abril do 2016 Marcus Fernández

Tras unha insufrible sucesión de retrasos no seu lanzamento, o xogo Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón xa está listo para a súa chegada ás tendas o vindeiro 10 de maio, e para que quede claro que o que podería ser o xogo exclusivo para PlayStation 4 máis salientable do ano está a piques de ver a luz dende Naughty Dog estrean o seu tráiler final, que deixa ver a excelente factura deste xogo que ten como principal reto estar á altura do que espera o público a xeito de colofón dunha grande saga que marcou a historia da PlayStation 3.
Un dos grandes problemas que tiña Naughty Dog para conseguir que este xogo resultase satisfactorio curiosamente non foi Uncharted 3, senón The Last of Us, outro dos seus xogos que pese a non formar aínda franquía, conseguiu converterse no máximo expoñente en narrativa da anterior xeración de consolas. O feito de ter que pór o broche final á historia de Nathan Drake tamén supón unha grande responsabilidade e, para non deixar insatisfeitos aos seus máis fieis seareiros, aparte das edicións estándar, Uncharted 4 tamén pode reservarse nunha edición especial e nunha edición para coleccionista.

Tráiler final de Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón

PUBLICIDADE