Unha actualización do Apple Watch mata a unha correa que ampliaba a súa autonomía

martes, 19 de abril do 2016 Marcus Fernández

Unha das principais eivas do Apple Watch é sen dúbida a súa reducida autonomía, o que levou a que unha compañía decidise deseñar unha correa que operase como batería externa para permitir ampliar o tempo de funcionamento do reloxo conectado de Apple até varios días seguidos, estando previsto que esta Reserve Strap chegase aos seus compradores o pasado 3 de novembro, pero o produto leva semanas acumulando retrasos que finalmente poden levar á súa morte definitiva, xa que a actualización do software do Apple Watch a WatchOS 2.0.1 incluíu un cambio inesperado: a desactivación do protocolo de accesorios externos que empregaba a correa para cargar o reloxo.
Os responsables da Reserve Strap aseguran que en todo este tempo a súa correa funciona sen problema co reloxo de Apple, pero dende a compañía de Cupertino detectaron un bug no sistema de comunicación empregado cos accesorios, de xeito que optaron pola súa desactivación, de xeito que os poucos usuarios que recibiron a Reserve Strap non poderán actualizar o seu reloxo se queren seguir a gozar da correa que fai de batería externa, e o resto de envíos deste accesorio quedarán suspendidos até que atopen unha solución a este importante problema.
Temos así que un produto que parecía moi atractivo, está agora pendente de que Apple abra o uso do porto secundario do reloxo a desenvolvedores externos, para o que non hai nin sequera unha estimación de data, de xeito que temos así un exemplo de fracaso empresarial provocado por ousar a comercializar un accesorio sen gozar das garantías do fabricante do produto para o que deseña (xa que aínda que parece razoable pensar que Apple vaia facilitar a creación de correas con batería e outras funcionalidades, polo momento non lanzou o programa de desenvolvedores para facer tal).

PUBLICIDADE