Unha aplicación para iPhone pretende axudar á detección de cancro de pel

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

No pasado non foron poucas as alertas que apuntaban a que as aplicacións móbiles que aseguraban analizar melanomas non eran fiables, e que era preciso consultar a un especialista en caso de dúbida, pero agora xorde unha nova aplicación que promete ser fiable, pois non se basea na cámara integrada no móbil, senón que precisa dun accesorio que custaría uns 500 dólares, polo que non estaríamos ante unha solución orientada ao público xeral, senón que buscaría atender á necesidade de avaliar o risco de que unha mancha ou lesión na pel sexa canceríxena en lugares afastados e países en vías de desenvolvemento, onde acudir a un especialista non é unha opción viable.
A aplicación DermoScreen está a probarse no centro oncolóxico MD Anderson da Universidade de Texas, e nas súas primeiras probas consegue unha precisión do 85%, o que sería unha taxa de acerto moi semellante á dun dermatólogo e moi superior á dun médico de atención primaria. O complemento do smartphone sería unha lente de aumento especial, que tamén achegaría a iluminación precisa para poder tomar a fotografía que poida analizar a aplicación.

PUBLICIDADE