Unha cámara compacta integra 16 obxectivos para conseguir imaxes coa calidade dunha réflex

xoves, 8 de outubro do 2015 Marcus Fernández

É posible conseguir fotografías coa calidade dunha réflex cunha cámara portátil? Nun primeiro momento calquera diría que non por simples limitacións físicas, pero a startup Light cre que hai xeitos de conseguir imaxes de alta calidade sen ter que cargar con obxectivos intercambiables, e así deseñaron a L16, unha cámara que combina 16 módulos semellantes á cámara dun smartphone con distintas lonxitudes focais (das que dispararían 10 á vez), conseguindo así compor unha imaxe de 52 Mpíxeles (sendo tamén quen de gravar vídeo en ultra alta definición).
Esta cámara tería o tamaño dun smartphone Nexus 6 pero o dobre de grosor, dispondo na súa parte frontal 5 obxectivos equivalentes a unha focal de 35 milímetros, 5 obxectivos de 70 milímetros e 6 de 150 milímetros, de xeito que, aparte de conseguir un grande nivel de detalle, tamén permitiría zoom de alta calidade. Por desgraza isto ten un elevado prezo, que será de 1.299 dólares para quen reserve unha destas cámaras que máis adiante venderanse por 1.699 dólares, e haberá que agardar até o verán para poder facerse cunha das primeiras unidades.
Estamos ante unha nova aposta pola luz no mundo das cámaras, para o que é preciso combinar tecnoloxías bastante sofisticadas que permitirían que a cámara funcionase como se tivese unha apertura f/1.2 e un obxectivo de 35-150 milímetros, ou sexa, que sería o máis parecido a unha réflex que podemos ter no tamaño dunha cámara compacta, coa comodidade adicional de contar cunha xenerosa pantalla táctil para o seu control e gozar de conectividade Wi-Fi para poder compartir os contidos captados de xeito áxil e doado.
Vendo o funcionamento desta cámara, o que parece inevitable é que, tras o seu desenvolvemento como un produto dedicado, remate trasladándose a súa tecnoloxía ás cámaras compactas máis empregadas actualmente: as dos smartphones.

Os obxectivos integrados na L16 teñen diferencias lonxitudes focais, permitindo así facer zoom óptico
A cámara L16 promete unha calidade dunha réflex cun obxectivo de 35-150 mm nun tamaño compacto

Vídeo promocional da cámara L16

PUBLICIDADE