Unha carcasa disfraza ao iPad 2 de MacBook Pro

luns, 9 de abril do 2012 Marcus Fernández

Non son poucas as fundas para iPad que, aparte de protexer o tablet de Apple, integran un teclado externo para facilitar tarefas como escribir correos electrónicos ou redactar textos sen ter que empregar unha lenta interface virtual en pantalla, e nesta liña chega dende o Xapón o NoteBookCase for iPad2, unha elegante carcasa de plástico de 250 x 195 x 20 milímetros e 618 gramos de peso que ten forma de ordenador portátil MacBook Pro, de xeito que a súa base é realmente un teclado Bluetooth 2.0 cunha batería recargable (que tras 4-5 horas de carga podería operar uns 60 días), e podería albergar un iPad 2 (aínda que debería de funcionar sen problema cun novo iPad). Este accesorio véndese por 5.980 iens (56,15 euros) e é de agardar que en breve chegue a distribuidores europeos.
Como curiosidade, o teclado desta carcasa pode cargarse mediante un porto miniUSB, pero conta tamén cun porto USB que permite coller a alimentación do outro conector para, mediante un cable que pode adquirirse aparte, cargar o iPad ou outros trebellos sen ter que ocupar 2 tomas de corrente.

A carcasa incorpora un teclado Bluetooth 2.0
Con esta peculiar carcasa un iPad 2 toma unha aparencia semellante á dun MacBook Pro

PUBLICIDADE