Unha compañía sadense axuda a que ás apps destaquen nas tendas de aplicacións

luns, 14 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Difoosion, a rede de blogs con sede en Sada que conta con espazos na Rede como Xombit, Andro4all, Applésencia, WinPhone metro e o máis recente Freno Motor, está a explorar novos vieiros no contorno móbil, como a aplicación oficial de Andro4all e, dende hoxe mesmo, Promocionapps, un servizo orientado a desenvolvedores de aplicacións móbiles que queren acadar un maior éxito nas cada vez máis saturadas tendas de aplicacións.
Dende Promocionapps ofrecen tres servizos integrais: lanzamento de aplicacións (preparan os contidos para as tendas de aplicacións optimizados para a mellora dos resultados, axudando tamén na comunicación de lanzamento), xestión de valoracións (atender aos usuarios é un dos traballos que pode absorber máis tempo, pero que pode contribuír decisivamente á mellora das apps e á resposta do público) e a publicidade (conseguir planificar campañas e ter espazo en medios especializados).
Detrás deste proxecto están profesionais con grande experiencia no sector da comunicación na Internet e o desenvolvemento de aplicacións móbiles (para distintas plataformas) con contribúen a potenciar aplicacións móbiles xa existentes ou a realizar o lanzamento de novas apps, ofrecendo asesoramento e incluso colaborando no traballo diario que supón a comercialización dunha aplicación, cunhas tarifas adaptadas ás esixencias do cliente.

PUBLICIDADE